Unión Profesional e Unión Profesional de Galicia (UPDG): Declaración sobre os incendios
Publicada o 12/08/26

Unión Profesional e Unión Profesional de Galicia expresan a súa profunda preocupación polos graves incendios forestais que están a afectar a distintas zonas de España, producindo vítimas e provocando importantes danos ambientais, animais, sociais e económicos, e en xeral creando situacións de risco para as persoas e as comunidades afectadas.

Ante esta emerxencia, trasladamos a nosa solidariedade e apoio a quen está sufrindo as súas consecuencias, así como o noso recoñecemento ao labor exemplar dos servizos de extinción, protección civil, forzas e corpos de seguridade, e a todos os profesionais dos distintos sectores que interveñen nas distintas fases da emerxencia.

Estes acontecementos poñen de manifesto a necesidade de seguir reforzando as políticas de prevención, anticipación, planificación e adaptación fronte a fenómenos cada vez máis complexos e intensos, así como favorecer a cooperación entre administracións públicas, comunidade científica, corporacións profesionais e sociedade civil.

As profesións colexiadas, desde o coñecemento e experiencia reiteran o seu compromiso co interese xeral e coa achega de solucións técnicas, científicas e sociais que contribúan á protección das persoas, a recuperación dos territorios afectados e o fortalecemento da resiliencia das nosas comunidades ante futuros desastres. Todo iso, tendo en todo momento presente, o concepto _One Health_, Unha Única Saúde, recoñecendo a interconexión da saúde animal, humana e medioambiental.

Unión Profesional e Unión Profesional de Galicia, como sociedade civil organizada, continuarán impulsando a colaboración multidisciplinar e o traballo conxunto coas administracións públicas e demais actores implicados, ofrecendo solucións prácticas para avanzar nunha xestión máis eficaz das emerxencias e prosperar na construción dunha sociedade máis preparada e resiliente, que poida afrontar fenómenos extremos.

Unión Profesional de Galicia (UPDG), así mesmo, reivindica diante de todas as Administracións, o papel que as distintas profesións colexiadas poden desenvolver ante calquera emerxencia e catástrofe de carácter similar, facilitando a localización e coordinación das distintas profesións e poñendo a vida dos seres humanos por encima de calquera outro interese.

Ficheiros
  • No hay ficheiros en esta noticia.
Relacións
  • No hay relacións en esta noticia.